4 may 2010

O AMIGO INVISIBLE

Co gallo da conmemoración do día do libro o 23 de Abril, promoveuse unha actividade denominada "O amigo invisible" para levar a cabo un intercambio gratuito de libros. Participou tanto o alumndo como o profesorado, e foi todo un éxito. Aquí vos deixamos o texto co que foi presentada:
Ola a todas e a todos, amigos visibles e invisibles.
Que bo é ter amigos que che regalan libros, ¿non? Xa Roberto Carlos no século pasado cantaba que quería “ter un millón de amigos”, e daquela aínda non había myspace nin twitter nin facebook. Facebook, ¿reparastes na palabra? Book en inglés significa libro. Si, porque os ingleses aman os libros …, isto recórdame un chiste: ¿sabedes como se di mañá non traballo en inglés? I book tomorrow. (…) Non, agora en serio, en galego si que funciona o libro, pensádeo un pouco … ¿xa está? A lectura pódenos liberar de moitas cousas desagradables, entón Libro vai ser a nosa palabra máxica, unha sorte de esconxuro contra aquilo que non nos gusta ou non nos fai ben. Por exemplo, se che din na casa: - A ti habíate que poñer a traballar, como facía eu aos teus anos – Ti espétaslles : - Non, eu, libro - e vas e poste a ler por exemplo O vixía no centeo. Ou se cadra escoitas: - Vístete como é debido, nena, que veñen xantar uns amigos de mamá moi importantes. - Non, é que eu, libro- e pillas, que sei eu, Rebeldes, por dicir un, e vas para o teu cuarto.
Estou convencido de que este noso esconxuro libresco é tamén o mellor xeito de librarnos de tanta parvada e falsidade como se pode escoitar case a diario. Propóñovos un xogo que colgaremos no blog da biblioteca: libros /vs/ parvadas. A ver cales nos recomendades contra estas, seguro que as oístes algunha vez:
- Os profesores sempre teñen razón. ¿Algún libro contra isto? ¿Ou será certo? Seguimos.
- O uso do preservativo non é eficaz na loita contra a sida.
- Adán e Eva existiron.
- Se o fas de pé non quedas embarazada.
- Ler é aburrido.
- Vivimos no mellor dos mundos posibles.
Agora, a polos agasallos. E feliz lectura.



No hay comentarios:

Publicar un comentario