28 may 2010

CINEFÓRUM "MATRIX"

O luns, 24 de maio, rematamos a nosa tempada de cinefórum coa proxección da película "Matrix". Foi introducida, moderada e analizada polo profesor de filosofía Luís Gorrochategui Santos. Ao longo do debate posterior tivemos ocasión de reflexionar fundamentalmente sobre os grandes temas filosóficos que a película nos plantexa: o enfrontamento home-máquina (matrix); o problema do real obxectivo ou subxectivo; o problema da liberdade (pastillas azuis ou vermellas); o amor como tema filosófico...

Como conclusión os presentes rematamos por falar dunha serie de películas da chamada ciencia-ficción que plantexan cuestións de gran interés para a reflexión, ética e filosófica. Démonos un tempo para pensar sobre a posibilidade de facer un ciclo sobre as mesmas o vindeiro ano.

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO

Cando pensamos no xeito de conmemorar o "Día Internacional do Libro" no noso Centro consideramos que debería ser unha ocasión para achegarnos a través dos libros a unha realidade que cada vez é máis importante e está máis presente, unha crecente interculturalidade que debe ser asumida e valorada como un factor de enriquecemento.

Por esta razón pensamos en traballar cunha obra universal, "O Quixote", como plataforma común para o traballo intercultural. Tiñamos o elemento común, só faltaba a diversidade, por iso buscamos entre o alumnado do centro as diversas nacionalidades e linguas.

Con esta idea un grupo de alumnos de 2º da ESO preparou unha pequena adaptación teatral dun cadro inspirado na obra de Cervantes. Acto seguido, cada un dos alumnos e alumnas seleccionados leron o primeiro parágrafo do Quixote ("en un lugar de la mancha...) na súa propia lingua (italiano, alemán, francés, inglés, spanglish, portugués, rumano) e latín. Simultaneamente, proxectábase a lingua na que se recitaba e o orixinal castelán.





4 may 2010

O AMIGO INVISIBLE

Co gallo da conmemoración do día do libro o 23 de Abril, promoveuse unha actividade denominada "O amigo invisible" para levar a cabo un intercambio gratuito de libros. Participou tanto o alumndo como o profesorado, e foi todo un éxito. Aquí vos deixamos o texto co que foi presentada:
Ola a todas e a todos, amigos visibles e invisibles.
Que bo é ter amigos que che regalan libros, ¿non? Xa Roberto Carlos no século pasado cantaba que quería “ter un millón de amigos”, e daquela aínda non había myspace nin twitter nin facebook. Facebook, ¿reparastes na palabra? Book en inglés significa libro. Si, porque os ingleses aman os libros …, isto recórdame un chiste: ¿sabedes como se di mañá non traballo en inglés? I book tomorrow. (…) Non, agora en serio, en galego si que funciona o libro, pensádeo un pouco … ¿xa está? A lectura pódenos liberar de moitas cousas desagradables, entón Libro vai ser a nosa palabra máxica, unha sorte de esconxuro contra aquilo que non nos gusta ou non nos fai ben. Por exemplo, se che din na casa: - A ti habíate que poñer a traballar, como facía eu aos teus anos – Ti espétaslles : - Non, eu, libro - e vas e poste a ler por exemplo O vixía no centeo. Ou se cadra escoitas: - Vístete como é debido, nena, que veñen xantar uns amigos de mamá moi importantes. - Non, é que eu, libro- e pillas, que sei eu, Rebeldes, por dicir un, e vas para o teu cuarto.
Estou convencido de que este noso esconxuro libresco é tamén o mellor xeito de librarnos de tanta parvada e falsidade como se pode escoitar case a diario. Propóñovos un xogo que colgaremos no blog da biblioteca: libros /vs/ parvadas. A ver cales nos recomendades contra estas, seguro que as oístes algunha vez:
- Os profesores sempre teñen razón. ¿Algún libro contra isto? ¿Ou será certo? Seguimos.
- O uso do preservativo non é eficaz na loita contra a sida.
- Adán e Eva existiron.
- Se o fas de pé non quedas embarazada.
- Ler é aburrido.
- Vivimos no mellor dos mundos posibles.
Agora, a polos agasallos. E feliz lectura.



CINE-FÓRUM

Dende o curso pasado leva funcionando no centro un Cine-Fórum. Ata o de agora proxectáronse as seguintes películas: 'Cobardes (2008) dirixida por José Corbacho e Juan Cruz', 'La ola (2008) dirixida por Dennis Gansel', 'El club de los poetas muertos (1989) dirixida por Peter Weir', 'Gattaca (1997) dirixida por Andrew Niccol', 'Forrest Gump (1994) dirixida por Robert Zemeckis' e 'El indomable Will Hunting (1997) dirixida por Gus Van Sant'. Cada unha destas películas foi presentada por unha persoa distinta, ás veces profesores e outras alumnos (respectivamente: Tino Chao, Xosé Luís Mosquera, Chus Suárez, David Ponte, Dany Marcela e Iván Pedreira).
Na próxima sesión poderemos ver 'Mátrix (1999) dirixida por Larry y Andy Wachowski', e será introducida por Luis Gorrochategui. Como sempre, publicitarase adecuadamente nos taboleiros do instituto para que todo o mundo poida asistir.