28 abr 2010

VAI DE POESÍA


Do compromiso coa palabra poética e coa divulgación da poesía entre os alumnos, nace a actividade “Vai de poesía”. Promover a lectura deste xénero literario e mostrar a expresión poética de diferentes lugares, linguas e tempos terá que axudar a que os novos, ademais de entrar en contacto con este canto eterno, sexan tamén os seus creadores.
A.- Crear hábitos de lectura da poesía
Como profesores, consideramos que a escola debe cumprir a función de crear o hábito da lectura e, como non, da lectura da poesía. A escola é onde os nenos aprenden a ler e os institutos son lugares privilexiados de contacto cos libros. O noso obxectivo como profesores e participantes activos na biblioteca é crear lectores. Para conseguilo, propuxemos as seguintes actividades prácticas:
-Taller de poesía
Montamos un taller de poesía dadaísta. Por que poesía dadá? porque era preciso que os alumnos lle collesen o gusto ao xénero literario menos estimado por eles e consideramos que o carácter lúdico do dadaísmo podía contribuír positivamente. Os resultados foron moi bos e a actividade fixo que os alumnos mostrasen un interese inusitado por este tipo de poemas.
-Abordaxe textual para encamiñar os alumnos para a lectura da poesía
Organizamos a actividade “Vai de poesía” que consiste na elección de varios libros de poesía de diferentes autores, épocas e linguas. Os libros están abertos e mostran poemas que consideramos que podían interesarlles aos alumnos. En pequenos grupos, os alumnos len en voz alta os poemas das páxinas abertas. A exposición na biblioteca está limitada pola escasez de espazo, pero aproveitamos o máximo e escollemos os seguintes poemas e libros:
“Canto XVII. En la ciudad”, da Odisea, de Homero.
“Á primavera”, das Anacreónticas.
“A orixe do mundo” Libro I das Metamorfoses, de Ovidio.
“Podería chamar agora por Kerouac”, de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín.
“O tigre” de Poesía completa, de William Blake.
“Los versos del capitán”, de Neruda.
“Se equivocó la paloma”, de Entre el clavel y la espada, de Alberti.
“Asomaba a sus ojos una lágrima...”, de Rimas y leyendas, de Gustavo Adolfo Bécquer.
“Campanas de Bastabales”, de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
“Sós”, de De catro a catro, de Manuel Antonio.
“Polas sombras de Urdilde, con Chopin”, de Os reinos do fulgos, de Manuel Álvarez Torneiro.
Poema neotrobadoresco de Simón Beceiro Cagiao, de Betanzos, oficina literaria.

A finalidade última da abordaxe textual será a realización da “lectura integral” dos textos. Para que ela se torne posible, procedemos por fases, partindo do exterior para o máis profundo, das xeneralidades para a especificidade. Propoñemos tres fases:
1-FASE PREPARATORIA (punto de partida: elementos referentes á obra do autor e á súa época)
2-FASE ANALÍTICA (textos: relectura dos textos e exploración das liñas de sentido)
3-FASE VALORATIVA (punto de chegada: toma de posición do sentido dos textos)
Partimos de que a creatividade e a autoconfianza dos alumnos sexa o criterio principal. Ese é o noso grande obxectivo: dar suxestións para que se adquira a preparación suficiente para que o acto de ler sexa un acto creativo e orixinal, sen complexos.
B.-Páxinas abertas para todos: pode producirse o milagre
Invitamos a todos a ler as páxinas abertas de libros que poñemos ao seu alcance ao entrar na biblioteca. Solicitamos que fagan primeiro unha lectura silenciosa e posteriormente unha lectura en voz alta, sen intermediarios como os profesores.
Producirase o milagre de que os alumnos lean voluntariamente os poemas propostos e que pasen a folla? Esperamos que poidan mergullarse na poesía e descubrir a lectura da mesma como unha actividade apaixonante.
“Vai de Poesía” pretende que os alumnos se pronuncien acerca do valor formativo e estético da lectura dos textos poéticos, explorando todo aquilo que se adecúa ou non á súa sensibilidade, ás súas opcións ideolóxicas e aos seus intereses culturais. Que sexan capaces de ver os textos como algo que pode contribuír á súa formación e á súa preparación para a vida. E sobre todo, que consideren que os textos poéticos non son inútiles para a súa vida.



23 abr 2010

E ti que les?

O pasado mes de marzo a nosa biblioteca acolleu no seu interior a fermosa exposición elaborada polo IES de Sabón. A dita exposición que se titula " E ti que les?" tivo unha moi boa acollida entre o noso alumnado e profesorado. Nela, distintas persoas do ámbito cultural galego recomendan a lectura dun libro. Do mesmo xeito, o noso alumnado tamén cubriu unha enquisa na que recomendaban a lectura dalgún libro; o máis votado foi: " Ollos de auga" de Domingo Villar. Así que, animádevos a pasar pola biblioteca e a gozar coa súa lectura.
Temos, ademais, que agradecerlle ao IES de Sabón a confianza depositada en nós. Ata outra.


20 abr 2010

UNHA NOVA ADQUISICIÓN DA BIBLIOTECA. O ÁLBUM "NÓS" DE CASTELAO

Entre os anos 1916 e 1918 Castelao realiza un feixe de debuxos nos que trata de reflexar a realidade de Galicia cunha intención expresamente desacougante para os narcotizados pola política oficial, pola falsa sabedoría das Universidades.

Como indica no limiar, o “pesimismo” que destila a visión xeral é só “aparente” porque non é resignado senón “liberador”. Castelao non acepta xogar á farsa de representar á Galicia cos tópicos folkloristas ( gaiteiros e romerías coloristas), nin aparentar emoción e bágoas diante dun fado ou dun tango. Prefire representar a Galicia que ve e que sinte. Chorar, de veras, pola realidade que vive e na que viven os seus paisanos.

O album “Nós” é un exercicio de descripción pero tamén de análise e explicación da realidade de Galica ao inicio do século XX. Para Castelao o humorismo das súas viñetas “interpreta a vida dunha maneira sinxela e forte, no somente plástica senón ideolóxica, e así como no debuxo puro a forma é o fin, no humorismo é un médeo pr eispresar ideas. Os debuxos humorísticos teñen un outro valor prá historia, pòis debaixo da risa ou da sorrisa repousa un comentario xusto á realidade” .
A análise que Castelao fai desta Galicia ao inicio do século XX foi publicado en 1931 no que era un sinal inequívoco da súa vixencia 15 anos máis tarde, nos albores da IIª República que Castelao saudaba como unha oportunidade para o recoñecemento nacional de Galicia.



6 abr 2010

MOCHILAS VIAXEIRAS

Para promover o hábito lector no centro comezou a funcionar un sistema denominado ‘mochilas lectoras’ que consiste en poñer a disposición do alumnado un paquete de material diverso, libros, xornais, revistas, comics, etc., que pode ser solicitado para o seu uso nas horas complementarias (gardas, titorías, atención educativa…). O referido material está organizado por ciclos e renóvase periodicamente. No primeiro ciclo xa está sendo utilizado, pero seguramente non todo o profesorado sabe da existencia desta proposta e queremos dende este blog facernos eco da mesma. As mochilas están a disposición de quen se anime a facer uso delas nas respectivas bibliotecas.