28 abr 2010

VAI DE POESÍA


Do compromiso coa palabra poética e coa divulgación da poesía entre os alumnos, nace a actividade “Vai de poesía”. Promover a lectura deste xénero literario e mostrar a expresión poética de diferentes lugares, linguas e tempos terá que axudar a que os novos, ademais de entrar en contacto con este canto eterno, sexan tamén os seus creadores.
A.- Crear hábitos de lectura da poesía
Como profesores, consideramos que a escola debe cumprir a función de crear o hábito da lectura e, como non, da lectura da poesía. A escola é onde os nenos aprenden a ler e os institutos son lugares privilexiados de contacto cos libros. O noso obxectivo como profesores e participantes activos na biblioteca é crear lectores. Para conseguilo, propuxemos as seguintes actividades prácticas:
-Taller de poesía
Montamos un taller de poesía dadaísta. Por que poesía dadá? porque era preciso que os alumnos lle collesen o gusto ao xénero literario menos estimado por eles e consideramos que o carácter lúdico do dadaísmo podía contribuír positivamente. Os resultados foron moi bos e a actividade fixo que os alumnos mostrasen un interese inusitado por este tipo de poemas.
-Abordaxe textual para encamiñar os alumnos para a lectura da poesía
Organizamos a actividade “Vai de poesía” que consiste na elección de varios libros de poesía de diferentes autores, épocas e linguas. Os libros están abertos e mostran poemas que consideramos que podían interesarlles aos alumnos. En pequenos grupos, os alumnos len en voz alta os poemas das páxinas abertas. A exposición na biblioteca está limitada pola escasez de espazo, pero aproveitamos o máximo e escollemos os seguintes poemas e libros:
“Canto XVII. En la ciudad”, da Odisea, de Homero.
“Á primavera”, das Anacreónticas.
“A orixe do mundo” Libro I das Metamorfoses, de Ovidio.
“Podería chamar agora por Kerouac”, de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín.
“O tigre” de Poesía completa, de William Blake.
“Los versos del capitán”, de Neruda.
“Se equivocó la paloma”, de Entre el clavel y la espada, de Alberti.
“Asomaba a sus ojos una lágrima...”, de Rimas y leyendas, de Gustavo Adolfo Bécquer.
“Campanas de Bastabales”, de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
“Sós”, de De catro a catro, de Manuel Antonio.
“Polas sombras de Urdilde, con Chopin”, de Os reinos do fulgos, de Manuel Álvarez Torneiro.
Poema neotrobadoresco de Simón Beceiro Cagiao, de Betanzos, oficina literaria.

A finalidade última da abordaxe textual será a realización da “lectura integral” dos textos. Para que ela se torne posible, procedemos por fases, partindo do exterior para o máis profundo, das xeneralidades para a especificidade. Propoñemos tres fases:
1-FASE PREPARATORIA (punto de partida: elementos referentes á obra do autor e á súa época)
2-FASE ANALÍTICA (textos: relectura dos textos e exploración das liñas de sentido)
3-FASE VALORATIVA (punto de chegada: toma de posición do sentido dos textos)
Partimos de que a creatividade e a autoconfianza dos alumnos sexa o criterio principal. Ese é o noso grande obxectivo: dar suxestións para que se adquira a preparación suficiente para que o acto de ler sexa un acto creativo e orixinal, sen complexos.
B.-Páxinas abertas para todos: pode producirse o milagre
Invitamos a todos a ler as páxinas abertas de libros que poñemos ao seu alcance ao entrar na biblioteca. Solicitamos que fagan primeiro unha lectura silenciosa e posteriormente unha lectura en voz alta, sen intermediarios como os profesores.
Producirase o milagre de que os alumnos lean voluntariamente os poemas propostos e que pasen a folla? Esperamos que poidan mergullarse na poesía e descubrir a lectura da mesma como unha actividade apaixonante.
“Vai de Poesía” pretende que os alumnos se pronuncien acerca do valor formativo e estético da lectura dos textos poéticos, explorando todo aquilo que se adecúa ou non á súa sensibilidade, ás súas opcións ideolóxicas e aos seus intereses culturais. Que sexan capaces de ver os textos como algo que pode contribuír á súa formación e á súa preparación para a vida. E sobre todo, que consideren que os textos poéticos non son inútiles para a súa vida.



No hay comentarios:

Publicar un comentario